
As nosas palabras, os nosos mundos é unha exposición itinerante sobre a diversidade lingüística e sobre a lingua galega. Preséntase como unha viaxe ao universo das linguas desde o coñecemento, as emocións, as sensacións, o xogo e a imaxinación. Un percorrido aberto que sorprende ao visitante galego a través de distintos aspectos da súa lingua e que permite tamén o seu desubrimento para os visitantes non galegos.
As nosas palabras, os nosos mundos contribúe ao conxunto de iniciativas realizadas no marco do Ano Internacional das Linguas, promovido polas Nacións Unidas, e do Ano Europeo do Diálogo Intercultural, proclamado polo Parlamento Europeo tamén en 2008, a través dunha exposición que fomenta a valoración positiva do plurilingüismo e que mostra aquelas boas prácticas que se están a levar a cabo desde Europa, e especialmente desde Galicia.
A exposición vai dirixida a un público amplo, non necesariamente especialista ou coñecedor en profundidade do mundo das linguas e da lingua galega en particular.
O fío condutor da exposición é o idioma galego, que ten unha especial relevancia sobre os demais idiomas, tanto en tamaños como en xerarquías. As linguas oficiais da exposición son o galego, castelán, éuscaro, catalán, francés, inglés e neerlandés-flamenco. Ademais, propóñense sistemas de información alternativos para persoas con discapacidade sensorial.
A mostra organízase en catro ámbitos temáticos que lle ofrecen ao visitante información, contidos e recursos:
As orixes
Unha viaxe no tempo
Nosas palabras, nosos mundos
A nosa lingua na nosa vida