Ourense, 7 de xullo de 2009.- La Secretaría Xeral de Política Lingüística inaugurou hoxe no Centro Cultural da Deputación de Ourense a exposición itinerante “As nosas palabras, os nosos mundos”, que permanecerá aberta ata o próximo 19 de xullo. A mostra chega á cidade das Burgas tras un longo periplo durante dous anos nos que percorreu 10 cidades de todo o mundo: Santiago de Compostela, Vigo, Bruxelas, Bilbao, Madriid, Sevilla, A Coruña, Vilagarcía, Lugo e Bos Aires. No acto inaugural estiveron presentes o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez; o conselleiro de Cultura, Roberto Varela; e o delegado provincial da Xunta en Galicia, Rogelio Martínez.
A mostra multimedia e itinerante, que promove o valor das linguas propias no contexto da diversidade lingüística, foi visitada por máis de 10.000 persoas durante este tempo. Naceu no marco do Ano Internacional das Linguas e do Ano Europeo do Diálogo Intercultural e agora despídese en Ourense tras amosar unha imaxe diferente do galego: unha lingua viva, adaptada aos novos tempos, unha lingua para e da mocidade, creativa, con futuro…
A mostra
“As nosas palabras, os nosos mundos” fai un percorrido suxestivo pola historia da lingua galega e achega ao visitante á vitalidade do galego na actualidade, a través de diferentes soportes gráficos, sonoros e audiovisuais. Nun espazo expositivo de 500 metros cadrados, os visitantes poderán achegarse ao galego e á diversidade lingüística dunha forma activa, experimental e sensitiva. A visita pódese realizar en sete idiomas –galego, castelán, catalán, éuscaro, inglés, francés e neerlandés-flamengo-, aos que se suman outras 25 linguas con presenza na exposición.
A mostra convida ao visitante a mergullarse nunha apaixonante viaxe pola historia do galego a través da diversidade lingüística e permite facer ese percorrido polo pasado, presente e futuro das linguas dun modo activo e ameno e da man de diversos recursos e ferramentas tecnolóxicas.