A exposición "As nosas palabras, os nosos mundos", coa que a Secretaría Xeral de Política Lingüística convida a facer un percorrido pola historia do galego no contexto mundial da diversidade lingüística, chegará o próximo venres, 15 de maio, á Casa da Cultura de Bos Aires, onde permanecerá ata o 28 deste mesmo mes. Trátase da segunda viaxe que esta mostra realiza ao estranxeiro, xa que en setembro do pasado ano recalou nas dependencias da Dirección Xeral de Edicación e Cultura da Comisión Europea, en Bruxelas. O horario de visitas será de martes a domingo de 14:00 a 20:00 horas.
A exposición chega ahora a Arxentina, país que acolle a 120.000 galegos, sendo unha lingua diferente á que coñeceron os emigrantes que deixaron Galicia buscando oportunidades mellores. A exposición amosará en Bos Aires o desenvolvemento de aplicacións informáticas e de ferramentas para os idiomas, os blogues, o teatro e a industria audiovisual.
Ademais, os arxentinos poderán apreciar secuencias sobre cine, publicidade e animación en galego, videoclips musicais, programas de televisión e radio feitos en Galicia. A presenza do galego no ciberespazo ten un papel destacado na mostra a través de diferentes recursos interactivos. A sociedade arxentina poderá comprobar neste percorrido a transformación acadada pola lingua galega e a súa adaptación aos novos tempos a ás tecnoloxías.